Galería da ruta.
Pincha aquí para ver a traxectoria dende Viewranger
Pincha aquí para ver a traxectoria dende Wikiloc
Comezamos o percorrido coa saída do Chao en Cabreiros, dende a Musealización da antiga Igrexa Parroquial de Santa Mariña de Cabreiros onde se atopan os arcos e outros elementos da antiga Igrexa, para seguir ata atopar o Río Trimaz na Ponte da Acea preto da área Recreativa da Acea e do campo de fútbol. Desprazámonos río arriba pola marxe esquerda e superamos a Ponte de madeira sobre o Rego Chancelos ou Portosouto. Bordeando o río entre vexetación autóctona chegamos á Ponte de Isabel II, construída en tempo da Raíña, cara ao ano 1.863, para salvar o río ao paso da Estrada Rábade –Ferrol. Preto atopamos a ponte sobre a estrada no seu novo trazado e seguindo río arriba pasámola por debaixo da nova Autovía AG-64 Ferrol – Vilalba, vemos o antigo Muíño da Madeira, rehabilitado, e sobre a Ponte da Madeira cambiamos de lado para seguir subindo polo río ata a Presa do Muíño da Madeira. Presas e pontes humanizan o río acompañadas de árbores de ribeira. Atopamos Ponte do Aruxo, Portonovo, Ponte e Presa dos Carregás ata chegar á Ponte Baxín onde nos separamos do Río Trimaz. Dirixímonos polo barrio de Penachaíña, deixando atrás as frondosas Fragas de Penachaíña onde se observa a actuación na procura de alimentos dos animais salvaxes que viven , como xabaríns ou corzos. Por antigos camiños volvemos preto do Portonovo é, ao atopar a estrada Chao – Cabreiros buscamos o cauce do Rego dos Caxigás para seguindo pola marxe dereita veremos o antigo Muíño de Cabreiros, unha ponte de pedra e logo o Muíño do Ferreiro ou de Gil, que ademais do muíño conserva unha antiga Moa. Bordeando a canle do muíño seguimos arriba e desviámonos polo camiño da Carballosa onde a vistosidade das Fragas da Carballosa suavízanos a subida da costa. Chegando á cima iniciamos a baixada para buscar a Fonte da Santa Mariña onde segundo conta a lenda foi martirizada a Santa brotando tres mananciais onde caeu a súa cabeza ao ser decapitada. Acercámonos cara ao punto de partida non sen antes visitar o impresionante castro que conserva os vestixios do Xermade galaico-romano por proceder a súa construción da primeira época romana, cando a partir da invasión cambiaron os hábitos tradicionais dos habitantes dos castros en altura para baixar a cotas máis levadeiras e próximos a zonas aptas para o cultivo e o traballo da terra, e iniciarse así na agricultura e no coidado de animais domesticados. Atopamos de novo a autovía AG-64 para chegar ao núcleo do Chao onde iniciamos a ruta pola parroquia despois de percorrer 14km.
Links recorrido:
Pincha aquí para ver a traxectoria dende Viewranger
Pincha aquí para ver a traxectoria dende Wikiloc
Antiga escola de Cabreiros
Cabreiros, Xermade (Lugo)