Iniciativa

Queremos amosarvos coma dende o 1 de Novembro do ano 1997 ata hoxe foise estructurando e diversificando na nosa parroquia a Asociación de Veciños.

Na vella escola prodúcese a primeira xuntanza promovida por D. Cándido Santomé, cura-párroco de Cabreiros, co fin de espertar a inquietude dos veciños traendo consigo o primeiro borrador dos posibles estatutos. Os que estivemos alí lembraremos entre outras moitas cousas as miradas duns para os outros, o ruxerruxe das nosas verbas, pero tamén o infructuoso que resultou aquel primeiro encontro nunha poboada morea de veciños. Había que provocar outro envite , era a nosa obriga xogarlle outro pulso a inoperancia, e foi así da man, creo que da ilusión e das boas vibracións que D. Cándido transmitiu como xurde a constitución da acta fundacional avalada por Antonio Alonso Prieto, Antonio Cazón Prieto e Xosé Felpado Agras.

Só nos quedaba para que se sostivera coa firmeza desexada o máis a priori complicado, a busca dos elementos necesarios segundo marcaban os estatutos para a elaboración dunha directiva. Quero pensar que de varias formas e no seus foros internos atopariamos un porqué quizais distinto en cada un deses elementos á hora de dar ese paso ou levantar a man para envolverse nun compromiso global, ilusiónante non cabe dúbida pero afirmativamente preocupante. A primeira directiva constaba dun presidente , secretario e tesoureiro cos seus bices correspondentes, así coma un vocal por cada barrio, celebrando o seu bautizo legal coa convocatoria da primeira asemblea ordinaria o 17 de xaneiro do 1998 para a presentación e aprobación da documentación acreditativa.

Cando falamos de columna vertebral o que máis preocupaba á nova directiva era darlle nome as vértebras que compoñían esa estructura, analizar os problemas básicos da nosa parroquia e darlles forma da man de presentar proxectos que puxeran a cavilar ás institucións que debían axudarnos pero nunca mesturando o que debía de ser o desenvolvemento social e cultural co estructural aínda que sabiamos que na máis pura lóxica debían ir da man.