Historia

PREHISTORIA: Hai bastantes restos do home prehistórico, as mámoas ou medoñas ( sepulcro da época megalítica formado por un montículo artificial de terra que recobre un dolmen), onde foron atopados moitos obxetos de pedra e cerámica, procedentes do período neolítico ( unhos 3.000 anos antes de Cristo), tamén hai varios castros, fortificacións do século IV antes de Cristo ( como o que atopamos na parroquia de Cabreiros chamado Castro de Vilacide onde se atopou un forno, polo que se considera un castro de industria. Hai tamén un muro que encerra una extensión dunhas 50 áreas, dentro da que se facía cerámica ).

Atopamos tamén en Cabreiros restos de orixe celta na nosa toponimia, como por exemplo na Touza (fraga de moita brozada). Hai outros topónimos celtas no concello como Candamil (xunto o río), Eume (deusa da fertilidade celta, segundo Esquilo), Pinguela (fonte de pedra), A Zureira (lugar pequeno), Busto (terra adicada a pasteiro), etc.

ROMA: (séculos I a V) A chegada dos romanos a esta zona podémola cifrar no ano 29 a. de. X.C. Ademais dos posibles restos da "VÍA E PER LOCA MARÍTIMA" que unía Lugo co mar, temos que destacar os restos do exvoto de Pepín-Cazás adicado ós Lares Viales, que dicía: "LARIBUS VIALIBUS PLACIDINA EXVOTO POSUIT" que traducido ven a ser "Placidina puxo este exvoto(pola súa vontade de indicar) ós Lares Vilares (os camiños das casas)". Outro resto da chegada dos romanos a Cabreiros é unha moeda do Emperador Nerón achada no castro de Reguengo.

A toponimia latina reafirma a dominación romana en Cabreiros:Chao, Vilacide, Castro, Ribeira e mesmo Cabreiros son topónimos romanos.

A chegada do cristianismo a Cabreiros é ben antiga segundo a opinión dos expertos. Así o demostra a advocación da nosa parroquia: Santa Mariña de Cabreiros e tamén de outras próximas: San Andrés de Lousada, San Pedro de Miraz,...

No século V chegaron a Xermade os suevos. O mesmo nome de Xermade ou do concello limítrofe de Guitiriz, teñen esta procedencia. No século VII, despois de erixirse a diócese de Mondoñedo no século anterior fúndanse as primeiras parroquias con vida propia.

A Colexiata de Caaveiro na Capela, do século VIII, tivo unha influencia decisiva na cristianización da nosa bisbarra.

NA IDADE MEDIA, debido ás doacións reais, foi dono do norte do concello o convento de Meira, e de Xermade e Burgás o conde de Andrade ( logo fusionado có de Lemos ), sendo Momán, Piñeiro e Miraz do convento de Monfero.

Ó ser limítrofes as posesións dos conventos de Meira e Monfero entraron en litixio reivindicando as parroquias que limitaban: Roupar, Lousada, Cabreiros, Miraz, Momán e Piñeiro. O Rey Carlos III dirimeu o problema creando o ata daquela inexistente Concello de Xermade, quedando baixo a xurisdición da corona e Goberno de España ( no século XVIII ). Pasou a ser dono feudal do Norte do concello o conde Amarante ( procedente de Antas de Ulla ) beneficiario desta señoría por merced do Rey, posesións que por sucesión de emparentamento viñeron a parar ultimamente ó conde Pallares de Parga, que houbo de redimir os “cánones forales” en 1927, por mandato do primer ministro de Alfonso XIII o xeral Primo de Rivera; co cal tódolos veciños pasaron a ser propietarios en lugar de colonos; igual sorte correron as demáis parroquias.

OS ANDRADE: o rei Pedro I "O Cruel" doou estas terra a Ferrán Pérez de Andrade "O Bó" procedente da familia dos Traba. Fernán Pérez de Andrade recibiría no 1371 grandes doazóns e beneficios de Enrique II de Trastámara. Os Andrade convértense entón en poderosos señores feudais.

No ano 1431 organízase contra Nuño Freiro de Andrade "O Malo" a primeira Revolta Irmandiña. Os irmandiños chegaron a desfacer as fortalezas e casteos dos señores. A revolta acabou sendo terriblemente reprimida. Os presos en traballos forzados volveron a levantar moitas das terras desfeitas.

A segunda Revolución Irmandiña (1467-1469) foi dirixida nesta zona por Afonso de Lanzós, señor de Louriña, contra Fernán Andrade. Participaron labregos, artesáns e vilegos contra do poder feudal. Moitos castelos resultaron derruídos. A derrota dos irmandiños consumouse no 1469, sendo Afonso de Lanzós metido en prisión.

Con Diego de Andrade establécese o Condado de Vilalba para os Andrade, señores de Vilalba, Pontedeume e Betanzos. Fernando de Andrade foi destacado militar da época dos Reis Católicos e co matrimonio da súa filla Tareixa, os dominios dos Andrade pasan ós Condes de Lemos.

OS LEMOS: A linaxe dos Castros foi unha das máis importantes de Galicia. Ten as súas raíces en Hernán Ruíz de Castro, señor de Castroxeri, ó que lle foi concedido o título de Conde de Lemos no 1366. No século XVIII o Condado de Lemos quedou vinculado a Casa de Zúñiga, pasando posteriormente os Berwich.

NOS SÉCULOS SEGUINTES hai que recordar no referente as casas importantes a Torre de Roupar que pertenceu os Condes de Valdepeñas (segundo outras versións os Condes de Amarante). Da torre de Burgás, da de Miraz, da Casa Grande desta parroquia e do Pazo de Lousada non quedan máis que os seus nomes.

As relacións entre os señores laicos ou eclesiásticos e os campesiños, na Idade Moderna, estiveron marcadas polos foros. As terras pertencían ós mosteiros e ós nobres que as cedían por un contrato temporal ou permanente a campesiños. As veces eran fidalgos os que facían de eslabón intermedio entre os campesiños e os señores. Co tempo a fidalguía conseguiu que os foros fosen permanentes, aproveitándose das rendas das terras que tiñan en subforo.

No século XIX e principios do XX (a partir do 1873) os foros fóronse redimindo. Neste feito ten importancia os cartos procedentes da emigración e do movemento agrarista.

Das guerras carlistas parece ser o recordo en forma de lenda dalgunhas partidas (bandas), como a da "Loba".

Xa no século XX recordemos a fundación da Irmandade da Fala de Vilalba (1917) que pensamos que influirá dalgún xeito na formación de galeguistas no noso concello.

A Guerra Civil de 1936- 1939 puxo de loito moitas familias de Xermade. Despois da guerra a fame e a represión aínda son recordadas con medo polos nosos maiores. Nos nosos montes houbo moitos escapados que chegaron a formar parte da guerrilla antifranquista.

O rexurdimento económico de As Pontes axudou a solventar os problemas económicos de moitas familias, sen esquecer a aportación dos emigrantes do noso municipio.