Documentais

O toxo na nosa cultura - Cabreiros

Neste documental podemos camiñar da man dalgúns veciños de Cabreiros para entender a importancia que no seu momento tivo o toxo na economía de calquera familia no rural. Eran datas onde o vivir diario se resumía no abastecemento case total da propia natureza e os seus recursos tanto para comer como para as tarefas dentro e fóra da casa xogando o toxo un papel importante. O que hoxe adorna os nosos montes con esa cor amarela e sen un proveito a curto ou longo prazo foi non hai tantos anos unha peza máis na engrenaxe de supervivencia en calquera fogar.


A trenza do pelado - Dina Fernández Ladra

Esta é unha historia de vida , a historia de Dina , unha muller que a cabalo da emigración cando soamente tiña dezaoito anos coñeceo a luz co pracer de sentirse querida no país que a acolleu sen esquecer as bágoas que ía deixando na súa andaina pero tamén as sombras ao ter que voltar sin nada coma a trenza dun pelado despois de cuarenta anos. Un documental que nos achega á historia de miles de emigrantes dunha Galiza esquilmada e sen recursos que buscaban novas ilusións, novos soños en mundos lexanos, convulsos e descoñecidos, eu quedariame cunha frase de Dina ao contestar a pregunta de se sabía onde quedaba Arxentina uns dias antes de embarcar, ela contestou supoñendo que estaría un pouco máis alá de Vilalba, o único sitio que seu avó a levara sendo unha nena, dez kilómetros dende a súa aldea natal, Lousada, no concello de Xermade.


Lembranzas dunha escola unitaria - Cabreiros

Cando moitas das escolas unitarias foron desaparecendo das parroquias ou aldeas marchou con elas parte da identidade que ao longo de moitos anos xerou arredor dela. Quedou orfo un sentimento colectivo tan necesario no rural. Neste documental inténtase deixar constancia da importancia da escola no ámbito social - cultural e reivindicar o erro de deixalas ir esmorecendo. Tamén quixemos escoitar os mestres comprobando da man deles coma foron cambiando os métodos e procedementos en canto a educación se refire facéndolles unha especie de homenaxe o seu labor.


Homenaxe ós nosos músicos - III Xornadas interxeracionais rurais

Cabreiros foi terra de bos músicos, a creación de bandas a principios do século pasado tanto en Burgás coma en Cabreiros puxeron a semente para que mais adiante apareceran orquestras de sona como a orquestra Alegría ou a de Portovello entre outras. Neste documento audiovisual quixemos renderlles unha homenaxe ao seu traballo e á súa entrega profesional e humana para deixar constancia da valía da música como eixo socio-cultural na nosa terra e darnos conta de que a semente segue dando froito.


O liño arte e cultura - Cabreiros

O liño foi e seguirá sendo parte do patrimonio de Galicia. O seu tecido coñécese dende tempos moi antigos recollendo desta planta un produto artesanal e moi laborioso para os teares. Neste documental podemos ver todo o proceso así como os utensilios necesarios para ir conseguindo que dunha planta herbácea da familia das lináceas se fora confeccionando ese fío aplicado a moi diversos usos. Coa axuda da asociación das mulleres de San Bartolemeu de Ínsua, que seguen facendo un traballo xenial de conservación e aprendizaxe sobre o liño, poñemos a andar este traballo que podedes visualizar aquí.


VIII Encontro escolar de xogos tradicionais de Xermade